A partir de 1921 comeza unha intensa actividade literaria, colaborando en revistas e xornais, e formando parte do consello de redacción da revista Ronsel de Lugo.
No 1923 remata os estudos de náutica e matricúlase en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, mais nunca chegará a rematar estes estudos.
Á espera de facer as prácticas de piloto volve a Rianxo. Nesta época xa non envía tan a miúdo poemas á prensa e a súa produción literaria vaise tornando máis coidada e persoal, intensificando o individualismo na súa obra.
Entre 1926 e 1927 fai as prácticas de piloto da mariña mercante a bordo do pailebote Constantino Candeira, nos anos 1928 e 1929 fai tres viaxes a América a bordo do buque holandés Gelria e en 1929 desembarca en Cádiz por mor do agravamento da tuberculose que padece. O 28 de xaneiro do 1930 falece en Rianxo.
Manuel Antonio:
Manuel Antonio Pérez Sánchez, nace en Rianxo o 12 de xullo de 1900.
En 1913 matricúlase no bacharelato en Santiago, onde comeza a súa militancia no galeguismo e no republicanismo, participando activamente na vida política.
Atraído pola literatura, en 1918, envía os seus primeiros poemas a revistas e xornais, cuxos temas centrais son a loita anticaciquil e o nacionalismo.
En 1919 contacta con Vicente Risco, recoñecido como a persoa máis formada das novidades artísticas que estaban a aparecer en Europa, de quen recibe noticias sobre os movementos de vangarda. Neste ano comeza os estudos de náutica en Vigo.
Celebración do 90 aniversario da publicación de De catro a catro:
No ano 2018 o CIFP Manuel Antonio conmemora o 90 aniversario da publicación do libro "De catro a catro" do poeta Manuel Antonio.
Ao longo do ano desenvolveranse unha serie de actividades encamiñadas a divulgar a figura e obra de Manuel Antonio, a fomentar o uso oral e escrito do galego e a dinamizar o uso da lingua como eixo vertebrador da nosa comunidade educativa.
Os obxectivos destas actividades poden resumirse en tres:
-
Contribuír á normalización lingüística e fomentar o uso do galego.
-
Fomentar a lectura e promocionar un hábito lector.
-
Divulgar a figura e obra de Manuel Antonio.
Durante o segundo trimestre desenvolvéronse as seguintes actividades:
-
Durante os meses de xaneiro e marzo fixemos un taller de graffiti que culminou na elaboración, por parte do alumnado do centro, dun mural colectivo inspirado na figura de Manuel Antonio e no seu libro “De catro a catro”. Poden verse fotos aquí e o vídeo resumo do mural aquí.
-
No mes de febreiro celebramos o I Concurso de Micropoemas de Amor e Soidade, inspirado na obra de Rosalía de Castro e de Manuel Antonio. Poden verse os poemas gañadores aquí.
-
Tamén no mes de febreiro organizamos un roteiro literario polo Vigo de Manuel Antonio e das vangardas, coa colaboración do alumnado dos CFGS de Turismo do centro. Poden verse fotos do roteiro aquí.
-
No mes de marzo celebramos o día da poesía para o que instalamos un espazo dedicado a Manuel Antonio e a súa obra na biblioteca e organizamos unha lectura colectiva dos 19 poemas do libro na que colaboraron diferentes centros galegos, nacionais e internacionais. Pode verse a lista de reprodución cos diferentes vídeo-poemas aquí.
De catro a catro:
Primeira edición de
"De catro a catro" (27/03/1928).
O libro consta de dezanove poemas que foron escritos entre os anos 1926 e 1927 cando Manuel Antonio, embarcado no pailebote Constantino Candeira, percorreu as augas do Mediterráneo.
O tema central do libro é a soidade, o suxeito abandona o mundo coñecido e protector da beiramar, ao que volverá ao rematar a navegación. A travesía achégalle un conxunto de experiencias nun mundo novo que debe descifrar.
Manuscrito de "De catro a catro" publicado por Alvarellos (2016).
"De catro a catro. Folla sen data dun diario de abordo" é o primeiro poemario integramente vangardista da literatura galega, marcando un antes e un despois na historia da nosa literatura.
O poemario mostra un proceso de traballo da linguaxe excepcional, incorporando o léxico mariñeiro a un discurso onde a presenza dunha linguaxe técnica da boa medida do afán de preocupación formal por parte do autor.