No curso 2018/2019 o CIFP Manuel Antonio participou por segundo ano consecutivo no Plan Proxecta Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional a través do EDLG e do profesorado e alumnado dos ciclos FPB Cociña e Restauración e FPB Tapizaría e Cortinaxe.
O programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional é unha acción do Plan Proxecta, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, e integrado no proxecto GEOARPAD, enmarcado no programa operativo EP-INTERREG V A España-Portugal (POCTEP).
Con esta actividade o alumnado aproximouse, a través da metodoloxía do traballo por proxectos, ao coñecemento da cultura local e tradicional, promoveuse o uso da lingua galega e o interese polo patrimonio material e inmaterial, recompilouse información e documentáronse os resultados coa incorporación das TICs.
O traballo de investigación elaborado polo noso alumnado sobre o léxico tradicional galego relacionado coa hostalaría e co téxtil incorporarase ao Tesouro do léxico patrimonial galego-portugués, desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega, onde estará a disposición de todas as persoas interesadas para a súa consulta.
O obxectivo xeral do proxecto foi afondar, desde unha perspectiva xeográfica, histórica, cultural, social, artística e etnográfica, no estudo do léxico tradicional relacionado cos oficios da hostalaría e do téxtil, máis concretamente:
- Analizar as tradicións propias dos oficios relacionados coa hostalaría e co téxtil.
- Recuperar vocabulario e expresións relacionadas cos oficios da hostalaría e do téxtil.
- Promover a valoración da lingua como canle de comunicación na vida profesional.
Ademais, tamén se pretendeu que o alumnado traballase a expresión escrita e oral, a educación en valores, o traballo colaborativo e en equipo ou a interacción entre persoas de distintas idades e intereses.
O proxecto desenvolveuse en tres fases:
- Fase inicial: Preparación do proxecto.
- Fase de desenvolvemento: Recompilación de información, análise e tratamento da información obtida e desenvolvemento do proxecto.
- Fase de síntese: Presentación de resultados, divulgación da información xerada no proxecto e avaliación do proxecto.
Para desenvolver este proxecto empregouse a metodoloxía activa, cooperativa e interdisciplinaria de traballo por proxectos (ABP), contribuíndo a desenvolver, ademais dos contidos curriculares dos módulos profesionais, outros aspectos transversais.
Ademais, como síntese do traballo desenvolvido elaboráronse unha serie de materiais complementarios que pasarán a formar parte dos recursos específicos en lingua galega das dúas familias profesionais que participaron no proxecto: un Pequeno dicionario do téxtil e un Pequeno dicionario da hostalaría.