top of page

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS. HOMENAXE A ANTONIO FRAGUAS E AO TRAXE GALEGO

O xoves 16 de maio e, como colofón ás actividades desta Semana das Letras Galegas, levamos a cabo unha serie de actividades no patio central e nos corredores exteriores do noso centro.

O acto de homenaxe a Antonio Fraguas comezou cunha charla de Julio Alonso, profesor do departamento de Química, que nos falou da historia do noso centro e de como foi mudando co paso dos anos.

A continuación, Carlos Suárez, alumno de 1º do CS de Dirección de Servizos de Restauración, fixo un percorrido pola vida e a obra de Antonio Fraguas, salientado a súa contribución á conservación da sabedoría tradicional do pobo galego.

A exposición de obxectos tradicionais ( sella, barricas, garrafóns, máquina de madeira para facer manteiga , ferros de pasar roupa, máquina de coser, cestas, apeiros de labranza, basoiras de xesta, etc.) serviu de marco para o desfile de traxe galego, presentado por alumnado de 1º do CS de Xestión de aloxamentos Turísticos, que nos describiu peza a peza os traxes e que colaborou de maneira moi activa na preparación e desenrolo do acto.

O toque musical estivo a cargo do grupo de música tradional constituído para o evento e dirixido por Ana Yáñez, profesora do departamento de Hostalaría e Turismo. Coa súa magnífica interpretación de pezas tradicionais empurráronnos a bailar e a disfrutar.

Como en toda romaría que se precie, non podía faltar o bo pan e a empanada e diso encargouse o alumnado de Industrias Alimentarias, que contou coa colaboración de alumnado de Hostalaría para o servizo. Que deliciosas empanadas nos prepararon e serviron!

O aspecto máis lúdico estivo protagonizado polos xogos populares, cos que puido disfrutar toda a comunidade educativa e que se encargaron de montar e de supervisar o profesor Julio Alonso e o alumno de Química Brais Ruanova.

Foi, xa que logo, unha maneira tradicional e festiva de homenaxear a ese gran home de aldea, recolledor e transmisor fecundo de tradicións tan nosas e mestre de mestres que foi don Antonio Fraguas Fraguas.

bottom of page