O Concello de Vigo, a través do Servizo de Normalización Lingüística, ven de organizar o percorrido literario "Sombras no ensanche" o próximo sábado 24 de marzo de 2018 ás 11:00h.
É necesaria a inscrición previa no teléfono 986 81 02 81 de 9:00 a 14:30 h desde o 19 de marzo ata completar as prazas.
Outros datos de interese:
Punto de encontro: saída desde “Detrás do MARCO” - rúa de Londres
Duración aproximada: 2 horas e media (levar calzado cómodo)
Guiado pola autora da novela, Clara do Roxo
PERCORRIDO: Saída desde “Detrás do MARCO” rúa de Londres. Príncipe-Porta do Sol- baixada pola rúa de Carral. Alameda. Rúa do Areal ata o edificio Bonín. Subida pola rúa do Porto ata edificio Curvera en García Barbón. Subida á rúa de Uruguai polas escaleiras de Santiago de Vigo. Subida por República Arxentina ata o edificio Polar en Urzaiz. Baixada por Colón ata Marqués de Valladares. Subida por Reconquista ata Policarpo Sanz. Remate na Porta do Sol.
ENSANCHE DE VIGO
O derrubamento da muralla do centro histórico no ano 1861 marca o comezo dunha nova cidade. Poucos anos máis tarde, proxéctase o Ensanche de Nova Poboación. O novo plan urbanístico principia un modelo de cidade pensado pola burguesía local, que comezaba a ter unha influencia destacada na sociedade viguesa.
Esa burguesía industrial, non ilustrada pero fachendosa e cosmopolita, encargoulles construír edificios aos máis prestixiosos arquitectos da cidade, para que reflectisen o seu status e o seu gusto polas correntes artísticas europeas como símbolo de modernidade.
Os diferentes ensanches de Vigo, dende finais do século XIX ata metade do século XX, unha vez esquecido o tranvía, representan un legado cultural que se debe poñer en valor, non só pola calidade estética, senón tamén porque representan un xeito de entender a cidade, de antepoñer o traballo ben feito fronte a obxectivos máis lucrativos.
